martes, 21 de junio de 2011

O Pastoricense cae por 2-4 ante o San Ciprián e di adeus á final de Copa

A U.D. Pastoricense xuvenil quedou ás portas de disputar a final da Copa Diputación, logo de perder o pasado domingo por 2-4 ante o San Ciprián. Hai que lembrar que no partido de ida o resultado fora de empate a dous goles, un tanteador que invitaba a soñar á afección pastoricense coa disputa da primeira final copeira da historia. A pesar da eliminación, os xuvenís da Pastoriza realizaron a mellor tempada da historia quedando ás portas do Campionato de Liga e disputando as seminfinais da Copa Diputación.

No partido do domingo un gol do San Ciprián antes de marchar aos vestiarios no descando e outro á volta minaron as esperanzas do cadro dirixido por Raúl que non foi inferior nos primeiros 45 minutos pero que vía como no minuto 2 da segunda parte perdía por 0-2, o que facía case imposíbel a remontada. Ante este tanteador, os xogadores do equipo local viñéronse arriba e achegáronse no marcador pero tras quedar cun home menos o equipo mariñán sentenciaba con dous goles máis.

No partido do domingo, por parte do Pastoricense, xogaron Dani, Diego López, iago, Diego, Aníbal, Javi, Cali, Canuto, Fernando, Iván e Joni. Tamén interviron: Álex, Javi Castro, Simón e Rafa.

Con este partido a U.D.Pastoricense pon fin á tempada, tanto en xuvenís como en amateurs, no que pode considerarse a nivel deportivo o mellor ano do clube cun terceiro posto en Primeira Autonómica, un terceiro posto na Liga Autonómica Xuvenil e coa disputa das semifinais de Copa Diputación tamén dos xuvenís. Agora, o clube xa está traballando na confección dos planteis do ano que vén. Como fin a este ano exitoso o clube organiza unha churrascada para socios e afeccionados o vindeiro sábado, unha xornada de convivencia e celebración.

viernes, 17 de junio de 2011

O Pastoricense recibe o domingo ao San Ciprián co pase á final de Copa en xogo

A U.D. Pastoricense afronta este domingo un dos partidos máis importantes da súa historia e no que se dilucidará un dos finalistas da Copa Diputación 2011. O encontro enfrontará ás 12.00 horas no campo do Acebreiro ao San Ciprián, campión de liga e recentemente ascendido á Liga Galega, contra a U.D. Pastoricense. No partido de ida o resultado final foi de empate a dous goles polo que todo queda para decidirse no municipal da Pastoriza.

Raúl non poderá contar con Reina, por problemas persoais, pero non lle impedirá sacar ao campo un once de garantías que lle permita acadar un resultado positivo e xogar por primeira vez na historia unha final de Copa. Este feito poría fin á mellor tempada da historia do equipo xuvenil xogándose o campionato ata a última xornada e agora a un paso da final da Copa.

O clube agarda contar coa sempre fiel afección pastoricense para axudarlle ao equipo a acadala vitoria e soñar así co título copeiro.

lunes, 13 de junio de 2011

O Pastoricense empata 2-2 na súa visita a San Cibrao e xogarase o pase á final de Copa o vindeiro sábado no Acebreiro

A U.D. Pastoricense xuvenil colleitou un bo resultado na súa visita a San Cibrao onde empatou a dous goles, deixando o pase á final da Copa Élide aberta ata o vindeiro sábado no campo do Acebreiro. Hai que lembrar que o San Ciprián foi o campión da Liga Autonómica Xuvenil e que o pasado sábado acadaba o ascenso á Liga Galega.

No partido de onte, os primeiros minutos transcurriron con igualdade entre os dous equipos se ben, en cinco minutos, o equipo local acadaba dous goles que poñía moi costa arriba o encontro para os pastoricenses. Antes do descando, nun contragolpe, Fernando poñía o 2-1 que volvía a meter á U.D. no encontro. No segundo tempo, o San Ciprián dominou boa parte da contenda pero a pouco do final, unha xogada de estratexia permitiulle a Diego facer o segundo gol pastoricense e establecer o empate a dous goles co que se chegaría ao final dos noventa minutos.

Por parte da U.D. Pastoricense xogaron: Reina, Rafa, Diego López, Iago, Aníbal, Javi, Canuto, Diego, Fernando, Dani e Joni. Tamén xogaron Álex e Javi Castro.

O vindeiro sábado, ás 17.00 horas, a U.D. Pastoricense recibe ao San Ciprián no campo do Acebreiro onde tentará acadar o resultado que lles permita xogar a final da Copa Élide por primeira vez na historia e pechar así un ano moi exitoso para o fútbol pastoricense. Agardamos o apoio da magnífica afección pastoricense para apoiar a que de seguro xa é un prometedor futuro para o fútbol do noso concello.

lunes, 6 de junio de 2011

O Pastoricense xuvenil métese nas semifinais da Copa Diputación logo de eliminar ao Guitiriz

O Pastoricense xuvenil deu onte unha nova alegría á súa afección tras meterse nas semifinais da Copa Diputación logo de empatar a un gol na súa visita ao campo do Guitiriz. Hai que lembrar que no partido de ida os pupilos de Raúl vencían por 2-0 ao cadro guitiricense. O rival nas semifinais deste torneo será o San Ciprián, campión de liga e que está a disputar a fase de ascenso a Liga Galega.

No partido de onte, o Pastoricense mostrouse como un equipo serio, sen sufrir ocasións a pesar de contar cun home menos dende o minuto 10 da segunda parte, pola expulsión de Iván. O Guitiriz faría o seu gol no minuto 75. que lle daba emoción ao encontro pero cinco minutos máis tarde, Fernando poñía o empate no marcador que facía imposíbel a remontada do cadro guitiricense.

Por parte da U.D. xogaron: Reina, Dani, Diego López, Iago, Aníbal, Javi, Diego, Canuto, Fernando, Iván e Joni. Tamén interviron: Rafa, Cali, Simón, Gabi e Álex.