lunes, 29 de noviembre de 2010

O Pastoricense logra un punto en Brollón a pesar do colexiado

A U.D. Pastoricense acadou onte o terceiro posto na clasificación da Primeira Autonómica logo de empatar a 1 na súa visita ao campo dos Medos, na Pobra do Brollón. O partido estivo marcado por unha arbitraxe condicionada pola afección local e na que o único perxudicado foi o cadro pastoricense.

Na primeira metade o Pastoricense foi o claro dominador do encontro, sobre todo dende o minuto 30 onde o cadro local se quedaba con 10 trala xusta expulsión dun dos seus xogadores despois de para na liña de gol un balón coa man. A mala sorte aliábase co Pastoricense co fallo desa pena máxima por parte de Farra. Aínda así o equipo da Pastoriza seguía atacando e metía ao equipo local no seu campo.

Tralo descando, o infortunio volveuse outra vez contra o equipo que dirixe Fiz. Nunha falta ao borde da área o balón cólase polo medio da barreira e poñía o 1-0 no marcador. O Brollón, a partir de aquí, renunciou por completo ao ataque e meteu oito xogadores en dúas liña con Iago descolgado no ataque. O Pastoricense seguía a inclinar o campo contra a meta do porteiro local e froito disto chegou un balón á esquina da área onde Martín, cun toque sutil, poñía o empate no marcador.

O Pastoricense non se conformaba e quería buscala merecida victoria pero a figura do árbitro, o mesmo que anulara dous goles no partido do Bóveda, queríase erixir protagonista. Así, nunha pérdida de balón no medio do campo, o xogador local Iago quedábase só diante de Rumbera e cando o dianteiro lle fixo unha vaselina o porteiro visitante despexábaa claramente coa cabeza a córner. O colexiado sinalaba man e expulsaba ao cancerbeiro que incrédulo e impotente poñía camiño cara os vestiarios.

Así, chegouse ao final do encontro, con Farra xogando de cancerbeiro visitante e con outras dúas ocasións para o cadro pastoricense. Tralo encontro, o colexiado dixo que igual se equivocara e sinalou na acta que tanto o delegado visitante como o local, ademais dos xogadores, afirmaban que Rumbera tocara o balón coa cabeza. Agardamos que a Federación tome nota e retire a vermella ao porteiro e sancione a un colexiado que abusa dunha prepotencia e de pouco coñecemento das regras de xogo.

Por parte do Pastoricense xogaron: Rumbera, Diego Castro, Álex, Cami, Carlos, Penelas, Mel, Fontela, Martín, Diego e Farra. Tamén xogaron: Iñaki, Iván G., Andrés e Santi.

Con este punto o Pastoricense supera ao Ribadeo na táboa e colócase terceiro a un punto do Burela, segundo clasificado. Na próxima xornada o equipo que dirixe Fiz recibe ao Chantada mentres que o Ribadeo fará o propio ante o Burela. Para ver o resto dos resultados desta xornada pincha aquí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario