Un dos momentos máis apaixoantes que ten o fútbol son os partidos de máxima rivalidade, os que comunmente se denominan derbis, aínda que moitas veces non se refira a equipos da mesma cidade ou concello. Pois un destes, o Pastoricense-Riotorto dispútase este domingo, a partir das 16.00 horas no municipal do Acebreiro.
O Pastoricense foi un equipo que militou sempre en segunda rexional, nesta segunda etapa, polo que é o primeiro ano que se enfronta ao Riotorto, equipo que sempre estivo en primeira rexional e que xa é un clásico da categoría. Na primeira volta, o equipo visitante realizou un encontro serio e conseguiu un merecido empate, 1-1, mesmo enviando un balón ao longueiro no último minuto a cargo de Mel.
Na clasificación, o equipo da Pastoriza ocupa a cuarta plaza con 32 puntos mentres que o Riotorto, no 12º lugar, suma 25 puntos polo que para o equipo local amósase un partido moi importante para distanciar, nesta reta final, ao equipo visitante. Pero a vital importancia deste encontro é para o equipo riotortense que de non sumar algún punto meteríase en postos de perigo, tendo en conta que na actualidade hai posibilidades de que descendan até 6 equipos, e aos que só distancia nun punto.
A escadra de Fiz contará coas baixas de Fontela e Santi, despois de recuperar a Penelas. Pola súa banda, a espensas de lesións, o Riotorto non poderá contar con Jesús Pablo e Kubala, ámbolos dous sancionados en anteriores xornadas.
Agardemos, pois, que o partido sexa emocionante e que o Pastoricense despregue o fútbol dos últimos encontros para poder sumar outra xornada máis tres puntos ao seu casilleiro e manterse na parte noble da clasificación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario