A U.D. Pastoricense caeu derrotada por 2-0 onte no partido que o enfrontou no municipal de Lourenzá ante o equipo local. O cadro visitante comezou ben o partido incluso con ocasións para poñerse por diante no tanteador pero o 0-0 sería o resultado co que se chegaría ao descanso.
Á volta dos vestiarios o equipo local reapareceu máis asentado no terreo de xogo que o Pastoricense e a través dunha falta ben botada por un xogador local que a colocaría na escadra establecería o 1-0; o equipo dirixido por Fiz buscou o empate pero viuse impotente ante o cadro local e xa no desconto estableceríase o 2-0 definitivo. Con este resultado o golaverage particular queda empatado a espensas do que aconteza no xeral, moi igualado ata o momento onde o Lourenzá conta con +9 e o Pastoricense +7.
Por parte da U.D. xogaron: Josiño, Álex, Cami, Iago, Juanma, Mel, Penelas, Raúl, Martín, Iván e Farra. Tamén interviron: Iñaki, Carlos, Diego, Andrés e Diego Castro.
Con este resultado o Pastoricense baixa así ata a quinta posición da táboa con 38 puntos, a tres do Burela que ocupa a segunda praza e a un do Ribadeo e Lourenzá, terceiro e cuarto respectivamente. A nota positiva desta xornada para o cadro dirixido por Fiz é que os postos de descenso, que poderían ser os seis últimos, parece que se están maioritariamente decididos por atópanse a seis puntos do Riotorto, sétimo pola cola, e a 12 do Pastoricense.
A nota negativa do encontro foi a lesión no primeiro tempo de Iván, cunha escorredura de nocello, que agardemos sexa leve e lle permita estar ás ordes do adestrador para o partido do vindeiro fin de semana.
Na vindeira xornada o Pastoricense recibe ao Cabreiros no municipal do Acebreiro co obxectivo de sumar tres puntos que o manteñan na parte nobre da táboa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario