Este fin de semana ao Pastoricense plantéxaselle un partido complicado na súa visita, o domingo ás 16.00 horas, ao Taboada. O obxectivo do equipo da Pastoriza será o de manter o segundo posto da clasificación sumando tres novos puntose acadando a terceira victoria consecutiva. De sumar un resultado positivo a salvación quedaría un pouco máis cerca co que os deberes para a presente tempada quedarían solventados.
O feito de ocupar nestes momentos a segunda praza é un honor para a U.D. Pastoricense pero os obxectivos seguen a ser os mesmos: en primeiro lugar a salvación e a continuación o situarse ao final desta liga o máis arriba posíbel, sen renunciar a nada. A nosa posición actual da resposta ao excelente traballo feito tanto polo adestrador como polos xogadores ao longo dos 21 partidos disputados onde foron sempre competitivos e onde non se lles regalou nada, todo chegou co seu esforzo e adicación permanente.
Salvo o Chantada, que se mostra coma un equipo intratábel e cun nivel superior ao resto dos equipos da categoría a liga preséntase como moi igualada, dato que vén fundamentado no feito de que entre o Riotorto, equipo que ocupa a sexta praza por abaixo e que nestes intres descendería a segunda, e o Pastoricense, segundo e que ascendería a Preferente, tan só os separan dez puntos.
Para o partido do domingo, Fiz non poderá contar co capitán, Cami, sancionado e Fontela e Santi, lesionados. O resto do plantel estará a disposición do adestrador polo que o once que salte ao campo será, coma sempre, de garantías. O Lourenzá, equipo que ocupa o terceiro posto empatado a puntos co equipo branco, viaxará a Escairón polo que tamén afronta un partido complicado.
Para ver o resto da xornada pincha aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario