lunes, 14 de febrero de 2011

Victoria ante o Bóveda por 2-0 e terceiros na clasificación

A U.D. Pastoricense volveu á senda da victoria ante o Bóveda logo da súa derrota a semana pasada no campo do Taboada. O equipo chairego recibiu onte ao equipo visitante co obxectivo de sumar tres puntos que o mantiveran na parte alta da táboa e seguir camiñando así, paseniñamente, cara a salvación.

O equipo dirixido por Fiz saiu metido no partido e xogou a maior parte do partido no campo do Bóveda que, ben metido atrás, buscou sempre xogar ao contragolpe para poder sorprender á férrida defensa pastoricense. Así, no primeiro tempo, un remate acrobático de Iván, poñía o 1-0 no marcador co que se chegaba ao descanso.

O equipo local mostrábase moi superior e o meta da U.D. Josiño non tivo que facer ningunha intervención de mérito ao longo dos 90 minutos. Á volta do descando o Pastoricense saiu relaxado e menos metido no encontro que no primeiro tempo, o que fixo que o Bóveda se viñera arriba pero sen inquietar a meta local.

No último tercio de partido, a U.D., coa entrada de xente de refresco dende o banquiño volveu a coller as rendas e dispuxo de varias ocasións para aumentar a ventaxa pero non sería até os últimos minutos cando Iñaki, tras materializar unha espléndida vaselina, poñía o definitivo 2-0 co que se chegaría ao remate do encontro.

No Pastoricense xogaron: Josiño, Álex, Cami, Iago, Juanma, Mel, Penelas, Martín, Iñaki, Iván e Diego. Tamén xogaron: Raúl, Carlos, Iván Seco e Peña.

Con estes tres puntos o Pastoricense ascende á terceira posición, con 38 puntos, a tan só dous do Burela, segundo clasificado. Na xornada que vén haberá duelos directos pola disputa desta segunda praza cun apaixoante Burela- Milagrosa (2º contra 4º) e un Lourenzá- Pastoricense (5º contra 3º). O Ribadeo, quinto equipo na disputa desta segunda praza recibirá ao Escairón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario