lunes, 28 de febrero de 2011

Victoria cómoda ante o Cabreiros por 4-1 cun hat-trick de Mel

A U.D. Pastoricense viviu onte un dos partidos máis cómodos de toda a tempada ante o Cabreiros, ao que venceu por 4-1 nun resultado que se mostrou curto a tenor das oportunidades das que dispuxo o equipo dirixido por Fiz. A nota destacada do encontro foi o hat-trick de Mel, un dos capitáns e dos xogadores máis veteranos do equipo.

O encontro púxose moi de cara para o Pastoricense e xa nos primeiros dez minutos vencía por 1-0 tralo gol de Iago ao rematar un centro perfecto de Martín tralo saque de esquina. Un pouco máis tarde, un rechace á frontal da área aproveitábao Mel para poñer o 2-0 no marcador. Nesta primeira media hora do encontro o Pastoricense dispuxo de inmuerables ocasións para aumentar a ventaxa pero sería o Cabreiros, nun erro da defensa e do porteiro local, quen acutaría distancias no marcador. A partir deste momento, o equipo local viviu dez minutos de nerviosismo onde non atopaba o seu xogo e non lograba combinar como na primeira media hora.

Pero antes de que o colexiado pitara o final da primeira parte, Mel volvía a perforar a portería rival cun disparo dende a frontal tras aproveitar un saque rápido dunha falta.  Con este resultado chegaríase ao descanso do partido. Á volta de vestiarios o Pastoricense continuou sendo o dono absoluto do encontro e o meta local Josiño non tivo que intervir ao longo dos 90 minutos, salvo na ocasión do gol visitante.

O encontro seguía con ocasións moi claras para o equipo local que non soubo materializar: Iago, Mel, Martín, Iñaki... puideron aumentar a ventaxa pero atopáronse co porteiro, nalgunhas ocasións, e con defensas visitantes noutras. Fiz comezou a introducir cambios no seu equipo para dar descanso a algúns xogadores. Un dos homes que entrou dende o banquiño, Andrés, sería o protagonista do cuarto gol pois nunha xenialidade do xogador da Graña foi derrubado polo defensa local e o árbitro sinalaría a pena máxima. Mel aproveitaría a ocasión para cerrar o partido e conseguir o seu primeiro hat-trick como xogador de fútbol.

No Pastoricense xogaron: Josiño, Álex, Cami, Iago, Juanma, Carlos, Mel, Iñaki, Martín, Raúl e Farra. Tamén xogaron: Penelas, Diego Castro, Andrés, José Ángel e Xose.


Con estes tres puntos o Pastoricense sitúase con 41 puntos, cuarto na clasificación, a tan só un punto do segundo, Ribadeo, e do terceiro Burela. Na vindeira xornada, o equipo adestrado por Fiz visita a un Ribadeo en alza co obxectivo de sacar un resultado positivo e manterse nos postos altos da táboa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario