O encontro aprazado entre o Cospeito e o Pastoricense xuvenil que se disputou onte no campo da Fonte, en Cospeito, foi suspendido no descanso tras unha revisión de fichas nas que se comprobou que o equipo local estaba a xogar con dous compoñentes con fichas en outros equipos.
O partido ía 0-0 pero o colexiado ao ver a infracción do equipo local fixo contalo en acta e suspendeu o mesmo. A Federación deberá fallar agora e dar por vencedor ao equipo da Pastoriza por 0-3 e sancionar asimesmo ao equipo da Feira do Monte por falsear a competición e tentar incluír xogadores que non contan coa licencia no seu equipo.
Accións coma esta no fútbol de base desprestixian unha competición na que o importante é formar xogadores e persoas, educándoos en valores, e non acadar tres puntos ante o equipo veciño, máis tendo en conta que o Cospeito ao longo de toda a tempada conta con 19 puntos e ocupa a cuarta posición pola cola. Os tres puntos de onte non lle ían cambiar en gran medida a súa actuación en toda a tempada e o que si fai é ensuciar o escudo e o clube que representan.
Con estes tres puntos, o Pastoricense sitúase con 40 puntos na terceira posición. Na vindeira xornada recibe ao Xove Lago na casa co obxectivo de sumar os tres puntos e meter presión ao San Ciprián e o Foz, primeiro e segundo respectivamente, que se enfrontarán este vindeiro sábado. De producirse un reparto de puntos, o Pastoricense podería situarse líder ao remate da xornada. O que si está claro é que a disputa nas sete xornadas que restan entre os tres equipos lucenses vai ser dura por acabar a competición no posto máis alto da táboa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario