jueves, 31 de marzo de 2011

O Pastoricense xuvenil visita o campo do Alfoz co obxectivo de manterse no coliderato da clasificación

A U.D. Pastoricense xuvenil visitará este sábado a partir das 12.00 horas o campo do Alfoz, un equipo situado na parte media da táboa, co obxectivo de sumar tres valiosos puntos que lle permitan manter o coliderado da clasificación, sempre e cando o San Ciprián gañe o seu encontro no campo Manuel Luna de Pol.

O equipo dirixido por Raúl contará coa baixa de Reina pero terá ao seu dispor o resto de xogadores, o que lle permitirá sacar ao campo un once de garantías para continuar, unha semana máis, na pelexa polo campionato, que lle da dereito a xogar a fase de ascenso a Liga Galega.

Pola súa banda, os perseguidores, Foz e Sagrado Corazón, enfróntase ante o Ribadeo e Viveiro respectivamente. Se queres ver o resto da xornada pincha aquí.

lunes, 28 de marzo de 2011

Suspendido o partido do Pastoricense-Valadouro con 1-0 para o cadro local

O encontro de onte entre o Pastoricense e o Valadouro resultou máis accidentado do esperado a priori. Así, no minuto 80 do partido o colexiado decretou o final do mesmo tras unha suposta agresión de dous xogadores visitantes á linier, despois de que a U.D. Pastoricense marcara  o 1-0. Neste intre, o cadro visitantes xa contaba con dous homes menos do campo expulsados tras a intervencións desta citada linier.

Segundo se recolleu na acta, dous xogadores do Valadouro, un que xa fora expulsado anteriormente máis un do banquillo agrediron á xuiza de liña, o que provocou a suspensión do encontro. Á espera do que dictamine a Federación, restaban 10 minutos de partido e o cadro local vencía por 1-0, marcado por Farra xusto antes dos feitos narrados.

O partido non tivo grandes ocasións ao longo dos 80 minutos, sobre todo na primeira parte onde o Valadouro se adicou continuamente a perder tempo, conformándose con sumar un punto na súa visita ao Acebreiro. Na segunda parte, as interrupcións foron contínuas tamén, con faltas, perdas de tempo e facendo o partido moi crispado. Ao comezo da segunda parte, un xogador deles foi expulsado por insultar á xuíza de liña, con cartón vermello directo. E uns minutos máis tarde, cando transcurría o minuto 25, o lateral dereito do Valadouro desprazaba o balón para perder tempo e vía a segunda amarela polo que tamén era expulsado. Este mesmo xogador foi o que supostamente agrediu á xuíza de liña.

No encontro de onte, por parte local xogaron: Josiño, Diego Castro, Iago, Cami, Juanma, Mel, Carlos, Diego, Raúl, Iván e Farra. Tamén interviron: Martín, Iñaki, Penelas e Andrés.

O Pastoricense baixa así á sexta posición con 45 puntos á espera do que aconteza neste encontro, onde agardamos sumar os tres puntos que nos situaría cuartos, a tan só un punto do Burela, terceiro, que onte acadou un empate ante o Louernzá. Pola súa banda, o Ribadeo venceu comodamente por 0-3 no campo do colista, o Santaballés. No grupo perseguidor, a Milagrosa vencía por 3-0 ao Bóveda e o Taboada acadaba idéntico resultado na súa visita ao campo do Folgueiro.

Para ver o resto dos resultados desta xornada pincha aquí.

sábado, 26 de marzo de 2011

O Pastoricense vence por 1-0 á Pontenova pero perde o liderato polo golaverage xeral

O Pastoricense xuvenil venceu  esta tarde ao Sporting Pontenova por 1-0 cun gol de Iván Seco. Con estes tres puntos o equipo da Pastoriza continúa empatado a puntos co San Ciprián que goleou por 0-4 ao colista Ribadeo. A diferenza de goles no golaverage xeral sitúa ao equipo mariñán outra vez como líder ao contar cunha diferenza de +40 fronte ao Pastoricense que conta con +39.

Pola súa banda, o terceiro clasificado, o Foz, tamén sumou os tres puntos na súa visita ao campo do Lourenzá por 1-2. E o Sagrado Corazón, cuarto, facía o propio ante o Alfoz por 5-1. Con estes resultados, as diferenzas entre os catro primeiros son as mesmas a falta dunha xornada menos, quedando neste momento catro para que remate a liga.

No partido do Pastoricense, o cadro local saltou ao terreo co seguinte once: Reina, Dani, Diego López, Iago, Aníbal, Javi, Canuto, Diego, Fernando, Iván e Joni. Tamén xogaron: Simón e Cali. O gol foi obra de Iván Seco, que despois de varias xornadas sen marcar, batía ao cancerbeiro rival.

A vindeira semana os enfrontamentos serán os seguintes: o líder, o San Ciprián, visita o campo do Pol; a U.D. Pastoricense xogará no campo do Alfoz; o Foz recibe ao colista Ribadeo; e, por último, o Sagrado Corazón viaxará a Viveiro para enfrontarse ao equipo local. Unha xornada na que pode ir marcándose un pouco o futuro, sobre todo, se o San Ciprián e Pastoricense vencen en dous dos desplazamentos máis complicados que lles quedan.

viernes, 25 de marzo de 2011

O Pastoricense recibe ao Valadouro o domingo ás 16.30

A U.D. Pastoricense recibe este fin de semana ao Valadouro, un equipo á alza que nos últimos partidos sumou sete puntos de nove posibles, o que lle permitiu saír dos postos de descenso e que tratará de acadar algo positivo na súa visita para poder alonxarse máis da zona perigosa. O equipo da Pastoriza, pola contra, tratará de acadar unha victoria diante da súa afección logro de selar a permanencia en Primeira Autonómica para a vindeira tempada.

O equipo adestrado por Fiz afrontará estas últimas seis xornadas coa tranquilidade de ter os deberes feitos a mes e medio de rematar a competición e sen marcarse metas máis altas pero sen renunciar a elas. Como xa indicou o míster no foro do equipo esta semana "É complicado evitar falar de ascenso nun vestiario que leva uns anos nunha dinámica moi positiva, cun ascenso a tempada pasada e competindo con tódolos equipos na actual. Sen embargo, facer cálculos é inútil. Sona a tópico, pero debemos pensar no Valadouro solamente, desfrutar do partido como o levamos facendo todo o ano e, pase o que pase, seguir desfrutando dunha tempada que estará na historia deste humilde club. Eso si, soñar é gratuito e non podemos privarlle a estes xogadores e a esta afección de facelo".

Hai que lembrar que o Pastoricense ocupa a cuarta praza a tres puntos do Burela e Ribadeo, segundo e terceiro respectivamente, e que este fin de semana afrontan choques importantes. O equipo burelés recibe ao Lourenzá un equipo correoso e que tamén pelexa por estar na parte alta da táboa e o Ribadeo visita o campo do último clasificado, o Santaballés, que debe buscar a victoria para tentar apurar as súas últimas opcións de continuar o ano que vén en Primeira Autonómica. Un feito a ter en conta e que pode decantar a competición é a medida de gracia do novo Presidente da Federación Galega de Fútbol ao eliminar as sancións aos xogadores, tanto os xa sancionados como os que viron a quinta amarela na derradeira xornada. Unha medida que non parece razonable e que se está tratando de inxusta forma aos xogadores que non están sancionados ou aos clubes que ven menos amarelas. Agardemos que esta medida non se repita e que non adultere máis a competición.

Os perseguridores do Pastoricense, Lourenzá, Milagrosa e Taboada afrontan tamén choques complicados. Por unha banda o Lourenzá, como xa dixemos, visita o campo do Burela. A Milagrosa, sexto clasificado, visita o campo do Bóveda, oitavo. E, por último, o Taboada xogará tamén como visitante no campo de Folgueiro, un equipo que ocupa os últimos postos da táboa e que tentará gañar para non perder o tren da permanencia.

Para o encontro do domingo Fiz poderá contar con todos os seus homes a excepción de Fontela e Santi, lesionados. Recordamos que na primeira volta o Pastoricense venceu no campo do Valadouro por 0-1 cun gol de Mel á saída do córner. http://pastoricense.blogspot.com/2010/11/un-gol-de-mel-ao-comezo-do-encontro-da.html.

Para ver o resto da xornada pincha aquí.



jueves, 24 de marzo de 2011

O Pastoricense xuvenil recibe á Pontenova tras facerse oficial o seu liderado

A Federación de Fútbol confirmou onte a victoria do Pastoricense no partido disputado o martes de Entroido ante o Cospeito tras a alienación indebida deste último. Con estes tres puntos, confírmase que o equipo da Pastoriza é o líder da categoría e depende de sí mesmo para facerse co campionato nas cinco xornadas que faltan.

O sábado, ás 17.00 horas, o Acebreiro será protagonista do duelo entre o Pastoricense e o Sporting Pontenova. O equipo dirixido por Raúl tentará sumar os tres puntos para seguir mantendo a primeira posición, a espensas do que faga o San Ciprián na súa visita ao colista, o Ribadeo, e o Foz ao Lourenzá. O cuarto clasificado, o Sagrado Corazón, recibe ao Alfoz.

A falta de cinco xornadas para o remate do campionato calquera fallo pode ser xa definitivo polo que o equipo pastoricense tratará de acadar unha victoria ante un rival, a Pontenova, que ocupa o 11º posto na liga con 21 puntos, nunha tempada de transición despois dos éxitos colleitados nos últimos anos. Raúl poderá contar en principio con todos os xogadores para afrontar este choque.

Facendo unha análise dos partidos que quedan para os catro equipos que se atopan nos postos altos da táboa confiamos en que o Pastoricense sexa quen de sumar os quince puntos que restan, o que lle daría o primeiro posto e a opción de disputar a fase de ascenso a Liga Galega.

Ao Pastoricense os partidos que lle quedan na casa son Pontenova, Viveiro B e San Ciprián, na última xornada onde se pode decidir o campionato, e como visitante os complicados campo de Alfoz e Burela, sétimo e quinto clasificado, respectivamente. Unhas saídas duras onde o equipo da Pastoriza deberá demostrar o seu potencial.

O San Ciprián, segundo, contará con catro partidos como visitante nos cinco restantes, un factor que pode ser determinante aínda que o equipo mariñán non baixa o seu potencial xogando fóra do seu campo polo que haberá que agardar a disputa dos mesmos para sacar conclusións. Así ao equipo de San Cibrao réstalle Ribadeo, Pol, Cospeito e Pastoricense, como visitante, e recibirá na penúltima xornada ao Sagrado, outro equipo que disputa o campionato. Un factor determinante é que o San Ciprián deberá xogar ante Sagrado e Pastoricense nas dúas últimas xornadas.

O Foz, terceiro, conta cun punto menos na clasificación que Pastoricense e San Ciprián, conta cun calendario máis asequible. O máis complicado serán as visitas que ten que facer aos campos do Lourenzá, Pol e do Sagrado Corazón, na última xornada de liga. Como local recibirá a Ribadeo e Cospeito, a priori onde sumará os tres puntos. O golaverage con Pastoricense está empatado polo que haberá que mirar o xeral no caso dun empate a puntos. Na actualidade o equipo da Pastoriza conta con +38 e o Foz con +31. O San Ciprián ten +36 e o Sagrado Corazón +34. A igualdade entre os catro equipos constátase ata na diferencia de goles encaixados e marcados. Contra o Sagrado, o Pastoricense tamén ten o golaverage empatado polo que se miraría o xeral tamén.

Por último, o Sagrado Corazón, cuarto, a tres puntos do liderado, conta coa desventaxa da diferenza de puntos e tamén con que se enfrontará a catro dos sete equipos que ocupan os primeiros postos. Como local recibirá a Alfoz, Burela e Foz e como visitante Viveiro B e San Ciprián. Cremos que o equipo da capital lucense conta con menos opcións de acabar a liga no primeiro posto pero ao mesmo tempo tamén lle damos o papel de xuíz na pelexa pois de sumar os puntos ante os rivais directos pode dilucidar o campionanto para un ou outro lado.

Con este plantexamento, apostamos claramente polo Pastoricense como equipo favorito e candidato ao campionato e agardemos que así sexa. Forza Pastoricense!!


lunes, 21 de marzo de 2011

O Pastoricense vence por 0-3 na súa visita ao campo do Escairón

O Pastoricense acadou onte unha victoria máis cómoda do esperado a priori por 0-3 o que lle permite manter o cuarto posto e incluso ampliar a ventaxa co quinto clasificado, tralo empate entre o quinto e sexto, Milagrosa e Taboada, que foron superados polo Lourenzá trala súa victoria por 2-1 ante o  Calasancio.

O equipo dirixido por Fiz visitaba o campo do Escairón co obxectivo de sumar os tres puntos e agardar un posíbel pinchazo do Burela na súa difícil visita ao campo do Bóveda ou do Ribadeo no derbi ante o Iberia. Tanto o segundo como o terceiro clasificado venceron claramente os seus encontros polo que as distancias seguen manténdose en tres puntos. En segundo lugar, o equipo da Pastoriza tamén quería aproveitar o enfrontamento entre Milagrosa e Taboada para distanciarse un pouco máis dos postos máis próximos e que agora mesmo é de dous puntos co quinto, o anteriormente citado Lourenzá.

No partido de onte, aos vinte minutos de partido Iván cun bo disparo dende a fronta da área, raso e colocado, establecía o 0-1. Antes de chegar ao descanso, Diego nunha contra do Pastoricense batía cunha excelente vaselina ao cancerbeiro local e poñía o -2 no marcador. Unha primeira parte na que o cadro visitante non pasou apuros cun resultado xusto á vista  dos méritos de ambos equipos. Á volta dos vestiarios, Raúl cunha volea establecía o 0-3 no marcador, que sería o tanteador final a pesar de dispoñer de claras ocasións para aumentar a ventaxa.

Por parte do Pastoricense interviron: Josiño, Diego Castro, Iago, Cami, Juanma, Carlos, Mel, Martín, Diego, Iván e Farra. Tamén xogaron: Raúl, Penelas, Andrés, José Ángel e Xose.

O vindeiro encontro, o Pastoricense recibe ao Valadouro, un equipo que nas últimas xornadas está á alza e que leva dúas victorias consecutivas o que lle permite soñar con acadar a permanencia ao remate da Liga. Na actualidade ocupa a sexta praza por abaixo pero a tan só dous puntos do Iberia e Riotorto. Para ver o resto da xornada pincha aquí.

Victoria dos xuvenís que lle permiten continuar no liderado

Os xuvenís do Pastoricense continúan líderes do seu grupo de Primeira Autonómica tras vencer por 0-3 na súa visita ao campo do Iberia. A falta de cinco xornadas para o remate do campionato o equipo da Pastoriza postúlase para acadar a victoria final e disputar a fase de ascenso a Liga Galega.

No partido disputado o pasado sábado o equipo visitante mostrouse moi superior ao equipo de San Miguel de Reinante e o resultado final amósase xusto para os méritos realizados por cada equipo ao longo dos 90 minutos. Os goleadores do Pastoricense foron Canuto por partida dobre e Fernando.

Polo Pastoricense xogaron: Dani, Rafa, Diego López, Iago, Aníbal, Diego, Javi, Canuto, Fernando, Simón e Iván. Tamén interviron: Luis, Cali e Javi Panadeiro.

O San Ciprián, segundo clasificado, tamén venceu no seu enfrontamento contra o Lourenzá por 2-1, mentres que o Foz, terceiro, tamén acadou os tres puntos na súa visita ao campo do Xove ao gañar por 1-5. O Sagrado Corazón, cuarto, gañou por 0-2 na súa visita ao campo da Mina, fronte á Pontenova.

Na vindeira xornada o Pastoricense recibe á Pontenova no campo do Acebreiro, o San Ciprián visita ao colista, o Ribadeo, o Foz visita o campo do Lourenzá e o Sagrado recibe en Lugo ao Alfoz. Unha dura pelexa entre catro equipos por un posto que da opción a disputar a fase de ascenso a Liga Galega. Ao longo desta semana faremos un análise das últimas cinco xornadas para dilucidar un pouco máis as posibilidades de cada equipo.

Para ver o resto da xornada pincha aquí.

viernes, 18 de marzo de 2011

Visita ao campo do Escairón na procura dunha victoria

A U.D. Pastoricense ten este fin de semana unha complicada visita ao campo do Escairón o domingo ás 17.00 horas. Unha victoria podería asentalo nos postos altos da táboa e incluso achegarse un pouco máis ao segundo e terceiro posto, pola saída complicada do Burela ao campo do Bóveda ou o derbi entre Ribadeo e Iberia. Asimesmo, por atrás, Milagrosa e Taboada, sexto e quinto, respectivamente, enfróntanse entre eles polo que o partido deste fin de semana amósase moi importante.

Para o encontro do domingo, Fiz non poderá contar con Santi e Fontela. O resto do plantel estará a disposición do míster para afrontar esta complicada visita ao sur de Lugo. Para ver o resto da xornada pincha aquí.

jueves, 17 de marzo de 2011

O Pastoricense xuvenil tentará manter o liderado na súa visita ao campo do Iberia

O Pastoricense xuvenil ten un partido moi importante este sábado a partir das 11.30 da mañá no campo das Valgas, en San Miguel de Reinante, ante o Iberia. O equipo dirixido por Raúl tentará acadar unha victoria que o manteña no primeiro posto polo que sumar os tres puntos amósase imprescindíbel. O segundo clasificado, San Ciprián, recibirá na casa ao Lourenzá e o Foz, terceiro, visitará o campo do Xove Lago. A priori, tres encontros onde os tres equipos deberán sumar unha victoria pero que calquera sorpresa pode provocar un cambio de liderado. Tampouco podemos deixar de lado ao Sagrado Corazón, cuarto con 40 puntos, e que esta semana visita o campo da Mina, na Pontenova.

Despois da disputa desta xornada só restarán cinco partidos polo que estamos na recta final onde un tropezo pode apearte definitivamente da loita polo primeiro posto. Na vindeira xornada analizaremos os encontros que restan para os tres equipos á espera da última xornada onde se producirá un apaixoante Pastoricense-San Ciprián e un Sagrado Corazón- Foz. 

Centrándonos no partido da U.D. Pastoricense o equipo dirixido por Raúl contará coa baixa de Reina. O resto dos xogadores, a priori, estarán a disposición do míster. 

lunes, 14 de marzo de 2011

A U.D. Pastoricense empata ante o Ferreira e mantén a cuarta praza

A U.D. Pastoricense non puido pasar do empate no partido que o enfrontou onte contra o Ferreira no Municipal do Acebreiro. O equipo local dispuxo de ocasións para gañar o partido pero o resultado final amósase xusto posto que o equipo do sur de lugo tamén puido acadar algún gol máis. O equipo que dirixe Fiz mantense así na cuarta posición e recorta un punto ao segundo e terceiro, Ribadeo e Burela respectivamente, tras caer derrotados os dous nos seus encontros desta xornada.

O encontro de onte, o Pastoricense viuse moi rápido cun gol en contra tras un despiste defensivo nunha falta escorada. Mediada a segunda parte, Martín sacaba unha falta dende a fronta que se introducía no fondo das mallas coa colaboración do gardameta visitante que puido facer algo máis para evitar o gol. Antes do empate o Pastoricense marcou outro gol nunha boa xogada de Raúl cun remate de Farra pero o colexiado, erroneamente, sinalou fóra de xogo.

Na segunda parte, os dous equipos dispuxeron de ocasións para poñerse por diante pero o empate a un gol sería o resultado co que se chegaría ao final dos 90 minutos. Un dato a ter en conta é que no partido de ida o resultado tamén foi de 1-1 polo que nun hipotético empate a final de tempada entre os dous equipos contaría o golaverage xeral, que neste momento é favorábel ao Pastoricense con +7, fronte o equipo ferreirense con -2.

Na vindeira xornada, a U.D. visita un campo complicado como é o do Escairón, a pesar de que ocupen a penúltima posición.

domingo, 13 de marzo de 2011

O Pastoricense xuvenil sitúase líder tralo empate entre Foz e San Ciprián

O equipo xuvenil da U.D. Pastoricense levantouse esta mañá co liderado da Liga Autonómica Xuvenil tralo empate que colleitaron onte Foz e San Ciprián, segundo e primeiro respectivamente ata o encontro disputado. O equipo da Pastoriza gañou o seu encontro por 3-0 ante a incomparecencia do Xove Lago, aqueixado de numerosas baixas por sanción tralo partido anterior.

Así, a U.D. sitúase no máis alto da clasificación con 43 puntos, os mesmos que o San Ciprián, e un máis que o Foz, terceiro clasificado. Tanto Pastoricense como San Ciprián contan cunha diferencia de goles de +35 pero o equipo chairego conta con máis goles ao seu favor, factor que lle da o liderado. O Sagrado Corazón, cuarto, conta no seu haber con 40 puntos. Estes catro equipo parece que van ser os que pelexen até o final, nas seis xornadas que restan, para facerse co primeiro posto, que da opción de disputar a fase de ascenso a Liga Galega.

Para poñer máis emoción ao mesmo, hai que destacar que a última xornada de liga, se todo se mantivera así de emocionante, sería a traca final pois os enfrontamentos serían Pastoricense-San Ciprián e Sagrado Corazón-Foz.

Agora o equipo dirixido por Raúl tentará sumar todos os puntos que lle quedan ata a última xornada e xogarse o primeiro posto ante o San Ciprián, na casa. Agardemos que se cumpran os nosos obxectivos.

viernes, 11 de marzo de 2011

O Pastoricense recibe ao Ferreira o domingo ás 16.30

O Pastoricense disputará este fin de semana un novo encontro da Primeira Autonómica, que o enfrontará ao Ferreira no campo do Acabreiro, o domingo ás 16.30 horas. Trala derrota ante o Ribadeo o pasado fin de semana, o equipo dirixido por Fiz tentará volver á senda da victoria e superar así tamén no golaverage particular ao equipo ferreirés.

Para o encontro Fiz contará coas baixas seguras de Fontela, Santi e Andrés, por lesión; e manterá as dúbidas de Iago e Penelas até última hora, que se dilucidarán tralo adestramento desta noite. O Ferreira chega á Pastoriza despois de empatar a 0 como local ante o Valadouro. Hai que lembrar que o equipo de Pantón conta con 37 puntos no seu casilleiro, a catro do Pastoricense, pero cun partido menos, o suspendido fai tres xornadas ante o Brollón. De gañar este partido o Ferreira situaríase a un só punto do equipo pastoricense polo que o encontro do domingo amósase fundamental para continuar cunha distancia determinada con equipos tan perigosos e correosos como o do sur de Lugo.

Ademais, hai que lembrar que o Pastoricense colleitara un punto importante na súa visita a Ferreira de Pantón na primeira volta, con empate a un gol, polo que de acadar unha victoria acadaría tamén o golaverage, o que significaría acadar unha distancia con este equipo de cinco puntos, fundamental para rematar a liga por encima dos mesmos.

Para ver o resto da xornada pincha aquí.

O Pastoricense xuvenil non disputará o partido ante o Xove por incomparecencia do equipo mariñán

O Pastoricense sumará tres puntos mañá sábado sen disputar o encontro que o enfronta ao Xove Lago. O equipo mariñán anunciou xa á Federación así como ao conxunto da Pastoriza que non ten pensado disputar o encontro, tralo acontecido na última xornada disputada ante o San Ciprián. Segundo se recolle na páxina da Federación, o equipo de Xove conta con cinco xogadores sancionados para estar xornadada, tamén o delegado, e incluso se lle impón unha multa polo acontecido cos afeccionados.

Estes incidentes fan que o equipo que dirixe Raúl sumará tres puntos máis que o seguirán mantendo na pelexa polo liderado, á espera do que aconteza no encontro entre o Foz e o San Ciprián, segundo e primeiro, respectivamente.

Por outro lado, a Federación afirma na súa circular sobre as sancións que a acta do partido ante o Cospeito non foi fallada por non chegar en tempo á institución lucense. Por este motivo, o Pastoricense non conta de maneira oficial cos tres puntos do mesmo, trala alineación indebida cometida polo equipo da Feira do Monte. Hai que lembrar que no descando, o colexiado suspendeu o encontro ao cosntatarse que dous xogadores cospeitenses.

miércoles, 9 de marzo de 2011

Suspendido o partido entre o Cospeito e o Pastoricense xuvenil

O encontro aprazado entre o Cospeito e o Pastoricense xuvenil que se disputou onte no campo da Fonte, en Cospeito, foi suspendido no descanso tras unha revisión de fichas nas que se comprobou que o equipo local estaba a xogar con dous compoñentes con fichas en outros equipos.

O partido ía 0-0 pero o colexiado ao ver a infracción do equipo local fixo contalo en acta e suspendeu o mesmo. A Federación deberá fallar agora e dar por vencedor ao equipo da Pastoriza por 0-3 e sancionar asimesmo ao equipo da Feira do Monte por falsear a competición e tentar incluír xogadores que non contan coa licencia no seu equipo.

Accións coma esta no fútbol de base desprestixian unha competición na que o importante é formar xogadores e persoas, educándoos en valores, e non acadar tres puntos ante o equipo veciño, máis tendo en conta que o Cospeito ao longo de toda a tempada conta con 19 puntos e ocupa a cuarta posición pola cola. Os tres puntos de onte non lle ían cambiar en gran medida a súa actuación en toda a tempada e o que si fai é ensuciar o escudo e o clube que representan.

Con estes tres puntos, o Pastoricense sitúase con 40 puntos na terceira posición. Na vindeira xornada recibe ao Xove Lago na casa co obxectivo de sumar os tres puntos e meter presión ao San Ciprián e o Foz, primeiro e segundo respectivamente, que se enfrontarán este vindeiro sábado. De producirse un reparto de puntos, o Pastoricense podería situarse líder ao remate da xornada. O que si está claro é que a disputa nas sete xornadas que restan entre os tres equipos lucenses vai ser dura por acabar a competición no posto máis alto da táboa.

Derrota contundente e demasiado abultada do Pastoricense en Ribadeo

O Pastoricense recibiu o pasado domingo un duro golpe na súa visita ao campo do Ribadeo ao caer derrotado por 3-0. O resultado non da conta do acontecido nos terreos de xogo pois os pupilos de Fiz non mereceron caer cunha diferencia de tres goles. Decisións arbitrais en momentos puntuais do encontro fixeron que a balanza se decantara a favor dun equipo local que non demostrou ser superior ao equipo da Pastoriza nin tampouco ser merecedor do ascendo a Preferente.

O partido foi unha batalla no centro do campo onde as ocasións brillaron pola súa ausencia. Na primeira metade pódese resumir nunha ocasión do Pastoricense a un bo tiro de Carlos dende a frontal e no gol do Ribadeo arrancando dende posíción de fóra de xogo. Na reanudación as cousas seguiron igual. No minuto dez da segunda parte, nunha internada de David Ferreiro na área prodúcese un contacto entre Cami e o xogador ribadense e o colexiado sinala a pena máxima. O propio xogador local recoñeceu que non era penalti pero Chinco non o desaproveitou e estableceu o 2-0.

Con este marcador os homes de Fiz tiveron que volcarse ao ataque e nunha contra Chinco cun formidábel tiro dende 35 metros establecía o 3-0 definitivo. O meta local Viusky foi dos mellores xogadores locais facendo boas intervencións a sendos tiros de Raúl e Farra.

Para dar mostra das escasas ocasiósn locais hai que sinalar que o equipo ribadense non inquietou a meta de Josiño nin tan sequera dispuxo de ningún saque de esquina. A efectividade do equipo ribadense foi o pasado domingo do 100% polo que podemos dicir que foi unha victoria abultada.

Por parte do Pastoricense xogaron: Josiño, Álex, Chilís, Iago, Juanma, Penelas, Mel, Martín, Raúl, Iñaki e Farra. Tamén interviron: Diego Castro, José Ángel, Andrés, Iván e Xose.

O Pastoricense mantén a cuarta praza con 41 puntos a catro do Burela e Ribadeo, segundo e terceiro respectivamente, con 45 puntos. Na vindeira xornada o equipo de Fiz recibe no Acebreiro ao Ferreira, noveno clasificado con 37 puntos.

O Pastoricense xuvenil vence por 2-1 ao Sagrado e engánchase aos primeiros postos

O pasado sábado o campo do Acebreiro viviu un dos partidos máis emocionantes que se poden disputar a día de hoxe na Primeira Autonómica Xuvenil. O encontro enfrontaba ao Sagrado Corazón contra o Pastoricense, dous equipos que pelexaban por non descolgarse dos postos altos da táboa e seguir pelexando así polo primeiro posto que da opción de xogar a fase de ascenso a Liga Galega.

O encontro rematou coa victoria dos homes de Raúl por 2-1, con goles de Fernando e Joni, nun partido con poucas ocasións e onde a emoción viña máis pola posición dos equipos na táboa que polo xogo despregado ao longo dos 90 minutos.

viernes, 4 de marzo de 2011

O Pastoricense visita Ribadeo nunha das saídas máis complicadas que restan na competición

A U.D. Pastoricense afronta este fin de semana un dos partidos máis importantes que lle restan de afrontar como visitante. Será o domingo ás 17.00 horas en Ribadeo, ante o equipo local dirixido por un vello coñecido da afección pastoricense, Manolo Vilachá.

Ao Pastoricense réstanlle catro partidos como visitante, Ribadeo, Escairón, Chantada e Santaballa. E como visitante aínda lle restan cinco enfrontamentos: Ferreira, Valadouro, Brollón, Iberia e Calasancio. Como se pode observar, o partido deste domingo, a priori, preséntase como un dos máis complicados que lle restan á escadra dirixida por Fiz.

De sumar algo positivo o equipo da Pastoriza seguiría manténdose na parte alta da táboa e podería incluso rematar a xornada como segundo da clasificación pois o Burela ten unha visita complicada a Riotorto. Para este encontro Fiz terá as baixas seguras de Fontela e Santi e as dúbidas de Iván e Penelas que se dilucidarán no adestramento de hoxe. O Ribadeo, pola súa banda, terá a baixa de Álvaro, un dos xogadores máis importantes do equipo mariñán.

Para ver o resto da xornada pincha aquí.

O Pastoricense xuvenil recibe ao Sagrado Corazón

A U.D. Pastoricense  xuvenil recibe mañá sábado ás 16.30 horas da tarde ao Sagrado Corazón nun duelo apaixoante da parte alta da tábao clasificatoria. Hai que destacar que os dous equipos sepáraos tan só tres puntos, Sagrado con 37 e Pastoricense con 34. O equipo da Pastoriza conta ademais cun partido menos ante o Cospeito que xogará o vindeiro martes de entroido.

De gañar os dous partidos podería acortar distancias cos equipos que o preceden na clasificación e incluso aproveitarse dalgún pinchazo do líder, o Foz, na súa visita ao campo do Burela, cuarto clasificado. Como se pode observar os enfrontamentos son todos entre os equipos da parte alta polo que sumar nesta xornada é moi importante.

Para o encontro deste fin de semana Raúl terá todo o plantel ao seu dispor polo que presentará un once de sobradas garantías para vencer ao equipo da capital lucense e incluso darlle a volta ao golaverage, xa que no partido de ida o equipo da Pastoriza caeu por 3-2.

Para ver o resto da xornada pincha aquí.